Saturday 18 de May de 2024

Feijóo apela á importancia do traballo conxunto entre administracións, entidades e axentes sociais e a sociedade civil para levar a cabo iniciativas sociais


Garante o compromiso coas familias con dificultades para conservar a súa vivenda, a través do Plan de vivendas baleiras, e coas que sofren pobreza enerxética, con medidas como as axudas para evitar o corte na subministración de electricidade e que a Xunta acaba de estender ao gas natural

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á importancia do traballo conxunto entre administracións, entidades e axentes sociais e a sociedade civil para levar a cabo iniciativas sociais como o Plan integral de atención ás persoas sen fogar, “no que xa estamos poñendo todas as capacidades económicas”.

Nesta liña, destacou a traxectoria e o labor do Fogar de Sor Eusebia, a implicación que conseguen crear ao seu redor a través dos socios, os voluntarios e os traballadores, así como o entusiasmo que se agocha dentro do novo proxecto Mi casita; un proxecto que, coa colaboración da Administración autonómica e da Escola Técnica de Arquitectura da Universidade da Coruña, está encamiñado a dar ás persoas sen fogar un lugar que poidan facer seu, no que vivir de forma independente.

Durante unha xuntanza cos residentes deste centro na Coruña, Feijóo garantiu tamén o compromiso do Goberno galego coas familias con dificultades para conservar a súa vivenda, a través do Plan de vivendas baleiras, e coas familias que sofren pobreza enerxética, con medidas como as axudas para evitar o corte na subministración de electricidade e que a Xunta acaba de estender ao gas natural.

O titular do Goberno galego incidiu na necesidade de que a acción social sexa unha tarefa compartida para non deixar a ninguén desprotexido. E avogou polo desenvolvemento de políticas preventivas e iniciativas destinadas á acción integral das situacións das persoas sen fogar e á sensibilización social.

Sobre este punto lembrou que durante a recesión económica, e ata o momento, a Xunta foi capaz de duplicar o presuposto destinado ás entidades de emerxencia e inclusión social.

Feijóo concluíu a súa intervención afirmando que a solidariedade, a responsabilidade e o compromiso deben estar presentes en todas as axudas, xa que só así se poden dotar do espírito integrador necesario.